Tuesday 07 de May de 2024

O concello amplía esta fin de semana o espazo peonil no paseo marítimo para facilitar a práctica do deporte


 

Xa comezaron os traballos para habilitar os dous carrís contiguos ao paseo ao longo de todo o seu percorrido para garantir que se cumpran os protocolos de seguridade sanitaria
O concello ampliará esta fin de semana a zona
peonil no paseo marítimo co fin de facilitar a práctica do deporte e garantir a
distancia social. Así, habilitaranse os dous carrís contiguos ao paseo ao longo de
todo o seu percorrido, para favorecer que se cumpran as medidas de seguridade
nos distintos tramos horarios habilitados para corredoras/es, ciclistas e viandantes,
xa sexan persoas adultas ou nenas/os, tal e como explicou a alcaldesa, Inés Rey.
Persoal traballador municipal comezou xa as tarefas para establecer este
dispositivo, que estará listo mañá a partir das 6 da mañá.
A intención é a de establecer este dispositivo cada fin de semana e amplialo se é
necesario a toda a semana. Inés Rey apuntou que “esta medida forma parte do plan
de mobilidade que deseñou o concello para ampliar os espazos peonís en toda a
cidade co fin de garantir que no proceso de desescalada se cumpran os protocolos de seguridade e distanciamento entre persoas, aproveitando que descendeu o
tráfico rodado”.

A alcaldesa apelou á responsabilidade e ao compromiso da cidadanía para
respectar o proceso de desconfinamento e cumprir os tramos horarios para saír á
rúa, co fin de evitar riscos.
Así, o concello suprimirá desde este luns e de maneira provisional carrís de
circulación en Manuel Murguía e a avenida da Habana, na contorna de Riazor e nos
Cantóns, e ampliará a zona peonil desde A Mariña ata a praza de Mina. “O
obxectivo é evitar as aglomeracións e facilitar que a xente poida saír a dar paseos”,
explicou o concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, quen sinala que están a
estudar a idea de habilitar un corredor peonil entre a zona de Catro Camiños e o
barrio de Matogrande. Esta é unha actuación que se podería implantar de maneira
definitiva se se comproba que o modelo funciona.
Deste xeito, cóbrese a área con menos zonas peonís e maior índice de poboación
infantil. Hai outros moitos barrios da cidade que xa contan con espazos propios,
como a zona de Monte Alto que dispón do paseo marítimo ou Novo Mesoiro.
Outra das medidas previstas é o cambio provisional do ciclo semafórico en verde
para os peóns e peoas para evitar a aglomeración de persoas en cruzamentos
regulados por semáforos. Tamén se irán incrementando de maneira gradual o
número de bicicletas nas estacións de BiciCoruña, servizo de alugueiro de bicicletas
municipal que se reactivou a semana pasada.